A consellería de Educación invistiu 93.000 euros no CEIP de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, acompañado polo alcalde Jorge Cubela visitaba este venres o CEIP de Tenorio, no municipio de Cerdedo-Cotobade, onde se investiron ao redor de 93.000 euros ao longo de 2016.
Este centro conta con 130 estudantes de infantil e primaria. Durante 2016, a Consellería de Educación acometeu a reconstrución do muro de peche do centro, cun investimento que ascendeu a 57.500 euros. Tamén levou a cabo a reforma da fontanería dos aseos, cun orzamento de 35.300 euros.
Tamén se realizaron por parte da Xunta outras actuacións en centros como o CEIP Plurilingüe de Carballedo, no que se conectou o saneamento á rede municipal e mellorouse o patio cuberto. Ao longo das festas do Nadal levará a cabo outra obra de saneamento. No CEIP San Xoán Bautista renováronse as canles e a carpintería metálica.
En total os investimentos nos centros educativos en Cerdedo-Cotobade alcanzan os 182.000 euros durante este ano que finaliza.