Este Nadal, evita o coche polo centro da cidade
Por Redacción
Entre o 22 de decembro e o fin da tempada do Nadal, o 7 de xaneiro de 2017, o Concello e a Policía Local de Pontevedra poñerán en marcha o habitual operativo especial de tráfico encamiñado a evitar e reducir atascos e dificultades circulatorias. Ademais de incluír restricións na circulación, o dispositivo inclúe unha serie de peticións dirixidas aos cidadáns.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, e o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, avanzaron este venres parte deste operativo. O responsable policial realizou tres peticións aos cidadáns para esta época do Nadal: que sigan as indicacións policiais, que aposten polo uso dos aparcadoiros disuasorios ubicados ás aforas da cidade e que eviten, na medida do posible, o uso do vehículo polo centro da cidade.
Da Silva indicou que a campaña se centrará no período comprendido entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro porque son os días nos que se espera maior afluencia de xente en Pontevedra, tanto para facer compras como para actividades de lecer ou para participar na multitude de actividades programadas no centro da cidade. Prevese unha afluencia moi elevada tanto de tráfico rodado como de peóns.
Segundo explicaron, haberá cortes puntuais de tráfico que se irán graduando e que xa se irán comunicando convenientemente e haberá dous grandes focos de atención da Policía Local. Un será a contorna das rúas Uxío Novoneyra, Cobián Areal e Benito Corbal, isto é, nas inmediacións do Hospital Provincial. O outro será a praza de Barcelos, unha zona que recoñecen que "este ano non sabemos moi ben como vai funcionar" debido a que se trata do primeiro Nadal desde que se realizou a reordenación do tráfico na praza.