Recuperan o corpo sen vida dunha muller de 75 anos no Porto de Cambados
Por Redacción
A Policía Local de Cambados alertaba ao redor das 09.30 horas deste domingo 19 da presenza dun corpo flotando no porto de Cambados. Ata a zona trasladáronse os equipos de Protección Civil de Cambados, a Garda Civil, a Policía Xudicial e tamén a alcaldesa, Fátima Abal.
Inicialmente saíron dúas dotacións, unha con medios acuáticos para rescatar o cadáver e outra cunha ambulancia por parte do equipo de emerxencias. Con todo, non foi necesaria a utilización da lancha para recuperar o corpo dunha muller, veciña de Cambados, Josefina C.M., de 75 anos de idade.
A Policía Xudicial e a Garda Civil de Cambados iniciaron a investigación para determinar as causas da morte da muller cambadesa. Portaba un bastón e, segundo os primeiros datos, todo indica que tropezou caendo á auga para falecer afogada.