Solucionan o ruído dos sumidoiros na Avenida de León despois de cinco anos de queixas
Por Redacción
A Concellería de Servizos inicia a reposición das tapas de sumidoiro da Avenida de León, un dos tramos urbanos da PO-308. Con esta actuación o departamento de Servizos quere resolver unha reiterada queixa veciñal, xa que os residentes nesta rúa levan máis de cinco anos solicitando da administración unha actuación que solvente o problema de ruído derivado da circulación rodada sobre as tapas.
Cun orzamento próximo aos 6.000 euros, a empresa contratada para a execución deste traballo encargarase do realce e posta en cota de 12 tapas de rexistro, incluída demolición con compresor de man do formigón deteriorado. Formarase un novo dado en formigón armado inferior e en superficie con barra de aceiro corrugado de 12 mm de diámetro, incluíndo colocación de chapas de aceiro durante o fraguado do formigón.
Tamén serán substituídas as tapas existentes por unhas de fundición de 60 centímetros de diámetro, reforzadas, con disposición de sistema elastic, apta para soportar tráfico intenso, realizada en fundición ductil.
Durante os últimos anos, os veciños da Avenida de León denunciaron en múltiples ocasións os inconvenientes derivados do mal estado das tapas, xa que as vibracións provocadas polo paso dos vehículos xera un molesto ruído que dificulta o descanso dos residentes nesta rúa.
A dotación dun Plan Director para a Mellora da Rede Viaria Urbana no orzamento municipal, que non contou co respaldo do Partido Popular nin do edil non adscrito, permite a execución desta obra, así como doutras que se executarán nas próximas semanas.