O PP cualifica o tripartito de Sanxenxo como "o goberno máis mentireiro"
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular en Sanxenxo asegurou que o tripartito aproveitou a sentenza que obriga ao Concello a devolver 137.000 euros do ICIO "para mentir".
"Mente porque sabe que non se podía devolver antes e mente porque di que a devolución obriga a facer modificacións en partidas orzamentarias", apunta nun comunicado o PP.
Os populares explican que se na pasada lexislatura o goberno do Partido Popular non fixo a devolución foi polas mesmas razóns que non o fixo o tripartito nos 18 meses que leva gobernando, isto é "non podía facerse porque non había informes favorables do Secretario e do Interventor". Polo que advirten que "de facelo, o alcalde prevaricaría".
O PP sinala que agora, cando hai unha resolución xudicial que obriga a facelo, é o momento de asumir a devolución, "e non antes sen os informes xurídicos e de intervención favorables", insisten.
Ademais o escrito do PP indica que o goberno local de Sanxenxo "volve mentir" cando di que a devolución obriga a facer modificacións en partidas orzamentarias. Desde o PP aseguran que unha devolución do ICIO faise con cargo aos ingresos. E, máis concretamente, aos ingresos deste mesmo imposto. Por tanto, "non afecta as partidas de gasto e non hai que facer modificación orzamentaria algunha", destaca a formación conservadora.
O partido que lidera Telmo Martín sostén que "cada vez que lle xorde algún imponderable, algo habitual cando se goberna, o tripartito afógase nun vaso de auga" e apuntan que "o seu é buscar escusas e acusar ao PP. Estamos afeitos a que este goberno recorra á mentira. Non é a primeira vez, e non será, por desgraza para os veciños, a última. Calquera estratexia vale para disimular que é o peor goberno que tivo Sanxenxo".
Finalmente lembran que seguen esperando "o resultado da famosa auditoría que ía descubrir non se sabe cantos pufos". Adelanando que "nunca se fará e, moito menos, descubrirá pufo algún. Outra mentira máis para tentar gañarse o voto dalgún veciño que, loxicamente, non coñece en profundidade como funciona unha administración pública", conclúe o comunicado o PP.