Os populares de Sanxenxo solicitan un pleno extraordinario para derrogar o Regulamento Orgánico Municipal
Por Redacción
O Partido Popular presentou no rexistro do Concello a solicitude dun pleno extraordinario co obxectivo de derrogar o Regulamento Orgánico Municipal.
A iniciativa tramítase como unha "proposta de acordo" que terá que ser debatida nunha comisión informativa e posteriormente votada no Pleno extraordinario. Para saír adiante a proposición do PP, é dicir, para derrogar o regulamento, terá que contar con, polo menos, 9 votos favorables.
O Partido Popular hai un ano xa tentou pola vía do acordo co goberno modificar o regulamento municipal. De feito, presentaron un borrador no que estiveron a traballar durante máis de tres meses. Desde entón, asegura o PP que "o goberno non quixo sentar a negociar para mellorar o actual regulamento, a pesar das moitas deficiencias en transparencia e participación cidadá que presenta".
Para o grupo municipal que lidera Telmo Martín, esta é "unha demostración máis de que a rexeneración democrática, que tanto predicaban na oposición, cando gobernan esquécense da súa aplicación".