Cando salvar unha vida é cuestión "de segundos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Juan Fresco Otero converteuse o pasado sábado en heroe por accidente mentres gozaba dunha cea de Nadal cos seus amigos no restaurante A Casa da Oliva. Axente da Policía Nacional de Pontevedra, estaba neses momentos fóra de servizo, pero non levar uniforme non lle impediu actuar con rapidez e dilixencia e realizar a coñecida manobra de Heimlich para impedir que un comensal situado nunha mesa próxima morrese atragantado cun anaco de carne.
Todo foi "muy rápido", "algo de segundos", recoñeceu este mércores á prensa con total modestia sobre a súa fazaña. Un comensal da mesa situada tras a súa empezou a atragantarse e as persoas que lle acompañaban asustáronse porque "no respiraba" e "estaba pidiendo ayuda porque veía que se asfixiaba". A pesar de que o local estaba cheo de xente, foi o primeiro que reaccionou.
El resta importancia ao xesto e atribúeo a que "tuve la suerte de estar al lado de él porque prácticamente estaba a mi espalda". Ademais, sostén que, cando empezou a ver a reacción da xente "es algo que te sale".
No seu caso, aprendera a facer a famosa manobra na Academia de Policía de Ávila, pero nunca tivera a opción de poñer en práctica os coñecementos. Ao atoparse ante tal situación, o que fixo foi "intentar recordar algo de lo que aprendiste y llevarlo a cabo". "Eso es todo", resume e recoñece que "es algo que nunca piensas que te pasa" e que, ademais, "no creo que tengo muchas más oportunidades de hacerlo, la verdad".
Por uns instantes mesmo pensou que non sería capaz de lograr salvalo, pois o home era máis forte ca el e "pensé que no iba a ser capaz porque no lo abarcaba bien", pero tras uns cinco intentos, viu que levantou a man, empezou a respirar e pediulle que parase. Salvárao.
O agradecemento foi colectivo por parte de todos os comensais que acompañaban ao afectado. El quedou desbordado pola situación, pero si reaccionou para darlle as grazas. Os seus acompañantes foron máis aló e desfixéronse en agradecementos.