Repartición de produtos de hixiene para familias con necesidade en Ponte Caldelas
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas decidiu destinar mil euros de fondos dispoñibles para reforzar a atención daquelas persoas que se atopan en situación de necesidade. Desta forma repartiranse entre xaneiro e febreiro lotes de produtos hixiénicos acompañando os paquetes de alimentos non perecedoiros que se entregan periodicamente no marco do Plan Europeo de Axuda ás Persoas Necesitadas.
O Concello de Ponte Caldelas solicitara esta axuda da Unión Europea, que permite a entrega de entre catro e cinco paquetes de alimentos ao ano a cada familia. En total, ao longo de 2016 repartíronse 4.611 quilos de produtos de alimentación básica.
Por outra banda, o propio Concello finaliza estes días a entrega de vales de compra por valor de 4.000 euros para esta campaña de Nadal. Trátase de vales de ata 100 euros por familia, que se encargan de repartir os servizos sociais durante os últimos días para que non falten produtos típicos destas datas nos fogares do municipio.