Melloran o control de accesos e as dotacións do Porto de Campelo
Por Redacción
Preto de 55.000 euros investiu a Xunta de Galicia, durante os últimos meses, no porto de Campelo, en Poio, a través do ente público Portos de Galicia, baixo a orde da Consellería do Mar.
José Juan Durán, presidente de Portos de Galicia, visitaba as instalacións este xoves para comprobar os últimos traballos realizados que dotaron ao recinto dun novo sistema para o control de acceso de vehículos, a petición do sector pesqueiro e marisqueiro.
Ademais realizouse unha mellora do pavimento para reforzar a seguridade viaria e instalouse unha cuberta nos colectores para o almacenamento de material dos usuarios. Estas tres obras contan cun investimento total de máis de 40.000 euros.
Tamén durante os últimos meses acometéronse obras de mellora como a canalización de augas pluviais e a caracterización do material para dragar o fondo do porto.