Desmontando a Mosquera
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
César Mosquera acaba de celebrar xunto aos seus compañeiros na Deputación que cumpriu 25 anos como membro da corporación provincial. Con 62 primaveras leva máis de media vida desempeñando cargos públicos. En concreto, 36 anos.
Durante toda esta traxectoria "teño visto de todo", apunta. Pero nada comparable ao ocorrido este ano co Partido Socialista como socio de goberno na institución provincial mentres que a mesma forza política no concello impulsaba "unha moción de censura para poñer con acerto a Tino Fernández de alcalde".
E agora o de Louzán. Mosquera sinala unha "tendencia cainita do PP" e lembra os últimos anos do de Ribadumia na Deputación como "un período no que había bastante descontento con el, dentro dalgúns sectores do PP".
O nacionalista fala de Rafael Louzán como "un home moi activo e traballador" e confesa que "persoalmente téñolle aprecio" pero tamén apunta que na súa última etapa o mandatario popular sufriu un "endiosamiento" porque "quixo modelar ao seu estilo" toda a administración provincial. "Iso veulle moi ancho".
Sobre o periplo de Louzán ante os tribunais Mosquera limítase a dicir que iso é "ámbito privado" e que "a Xustiza dirá". Nada máis.
Nun almorzo informativo cos xornalistas o vicepresidente da Deputación fixo balance deste ano 2016.
Do que máis "orgulloso" se sente César Mosquera é da súa "participación, non pública, no novo rumbo que colleu o BNG". Engade tamén outro cambio: o vivido no funcionamento da Deputación. Por suposto, logo cita plans en marcha como o da compostaxe e demais.
Amigo de marcarse novos retos, de fronte ao futuro Mosquera agarda con optimismo a consecución dalgunhas metas como: completar o paseo a Marín, a remodelación do Nó de Bombeiros, a Variante de Alba, rematar a Rolda urbana... efectivamente estes propósitos céntranse nas infraestruturas proxectadas polo Concello de Pontevedra. O modelo de cidade.
En canto á Deputación, Mosquera fixa o seu discurso e as súas preocupacións na seguridade viaria, a compostaxe e "o do monte", isto é, o plan a longo prazo para recuperar os montes e previr incendios forestais.
Sobre o goberno provincial, todos son boas palabras. Nada novo.