Detido un home en Pontevedra como presunto autor de violencia machista e de roubo dunha pensión
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo un home de 36 anos como presunto autor dun delito de violencia de xénero, ademais tamén está acusado de roubarlle o diñeiro da pensión á persoa de avanzada idade á que coidaba a muller.
Os axentes actuaron a partir dunha denuncia na que se indicaba que unha muller estaba a sufrir malos tratos por parte da súa parella e que, ademais, levaba a cabo a extorsión dunha persoa maior.
A muller maltratada mantiña unha relación sentimental co detido desde hai máis de dous anos e ademais estaba a traballar na vivenda dunha persoa de 74 anos. O detido maltrataba, segundo a información trasladada polo Concello de Pontevedra, de maneira continuada á muller e tíñaa ameazada.
A Policía xa se achegou ata a vivenda en varias ocasións debido ás chamadas dos veciños. Ademais no pasado, a muller fora tratada por unha forte agresión que lle causou a fractura do ombreiro.
O home facíase tamén coa totalidade da pensión da persoa maior e, desde fai seis meses, ameazaba ás dúas vítimas se non accedía a entregarlle o diñeiro.
Nunha das últimas ocasións, a muller tratara de esconder parte do diñeiro da pensión sen chegar a logralo. O detido golpeábaa ata que lle entregaba a totalidade da prestación.
A Policía Local de Pontevedra destaca a importancia que, neste caso, tiveron persoas próximas ás vítimas para denunciar os feitos e permitir que se investigase o caso e actuar de oficio. A muller non presentara denuncia por medo ao agresor.