Sanxenxo aforrará ata 61.000 euros co novo contrato de pólizas de seguros
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo adxudicou todas as pólizas de seguros da entidade local. Fíxoo nun proceso aberto que saíu a concurso para regularizar unha situación que acumulaba reparos suspensivos por parte dos servizos municipais de Intervención.
A empresa gañadora do concurso foi Norte Broker SL, cunha notable rebaixa na súa oferta que permitirá aforrar ao Concello ata 61.000 euros nos dous próximos anos.
Desta forma as pólizas de seguros custarán ás arcas municipais 75.000 euros en 2017 e 76.000 euros no ano 2018, en lugar das cantidades que saían a concurso, 95.000 e 90.000 euros respectivamente.
En 2016 a contratación dos diferentes seguros supuxo ao Concello de Sanxenxo un desembolso de 106.000 euros.
A adxudicación supón a regularización de coberturas básicas e obrigatorias que estaban contratadas para un total de 27 vehículos municipais a través do Consorcio de Compensación de Seguros. Tamén se melloran as prestacións para os vehículos da Policía Local, Bombeiros e de Servizos.
Ademais aumentan e melloran as garantías de case todos os seguros, con especial mención á ampliación a tres millóns de euros o límite en concepto de responsabilidade civil do Concello, cando esta cantidade estaba antes fixada nun millón de euros.