Iluminar o parking do porto, máis barato ao contar con luces led
Por Redacción
Ata 8.500 euros anuais logrou aforrar Nauta no gasto en consumo eléctrico do parking do porto deportivo de Sanxenxo. É a cantidade na que se reduciu tras a substitución de todas as lámpadas por led.
Así, dos 18.876 euros consumidos ao longo de 2015, a facturación ao longo de 2016 reduciuse ata os 10.326,30 euros, o que confirma o aforro previsto polo Consello de Administración de Nauta cando decidiu a substituír as luminarias.
A redución deixouse sentir xa lixeiramente nos primeiros meses do pasado ano, pero o aforro foi constatándose a medida que avanzaron os meses. Xaneiro foi o mes de maior consumo de 2016, con 14.237 kw/h sendo o de menor o de xuño, con 4.899.
O investimento realizado foi de 6.823,96 euros máis IVE, e incluíu a substitución de 258 tubos led de 18 watts para a iluminación xeral do aparcadoiro, 124 tubos led de 10 watts para oficina e cartelería, 13 downlight led para os aseos, 6 proxectores led para o carril de entrada e saída do aparcadoiro, 10 paneis led para os falsos teitos e 14 lámpadas led que se instalaron nas subidas peonís á praza interior e exterior.
"O aforro enerxético vai ser unha das nosas principais premisas, de aí que un dos nosos primeiros obxetivos fora esta sustitución no parking municipal", explicou Jesús Sueiro, vicepresidente de Nauta, que se mostra satisfeito de que o investimento realizado fora amortizado xa nos primeiros meses.