Os "camiños escolares" seguros ampliaranse ao resto dos colexios da cidade
Por Alejandro Espiño
"Nos din por que tardamos tanto en vir". ÿ a reacción que, segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, están tendo os colexios que están sendo consultados para incorporarse á iniciativa Camiños escolares. Ata agora, só os alumnos do Álvarez Limeses participan nun programa grazas ao que os nenos acoden sos ao colexio. Pero o Concello pretende amplialo á maioría dos centros educativos da cidade.
Xa se mantiveron reunións nos colexios Campolongo e Fróebel e os contactos continuarán, entre outros, con Barcelos e o Manuel Vidal Portela. "Estamos tendo unha acollida moi boa", destacou Carme da Silva. Unha vez explicado o proxecto ao claustro dos colexios, o seguinte paso será manter un encontro coas ANPAS de cada centro para ver se están interesados en incorporarse a este programa.
Segundo a edil nacionalista, Camiños escolares, que se puxo en práctica a principios de 2011 no colexio Álvarez Limeses, está sendo unha experiencia "moi positiva". Explicou que, actualmente, máis de 100 nenos acoden sos ao colexio seguindo eses itinerarios seguros. Destacou que se trata dun proxecto no que se implicou non só a comunidade escolar, senón toda a cidadanía "responsabilízase de que o espazo público sexa seguro para os nenos".
Tras destacar que durante estes dous anos "non houbo ningún incidente", Carme da Silva destacou que a participación dos menores neste programa, ao ir andando sos ao colexio, axúdalles no seu proceso de maduración porque "aprenden a responsabilizarse deles e dos seus compañeiros, a coñecer os seus espazos, a superar pequenos problemas, o que fará que teñamos no futuro adultos máis formados e solidarios".
A idea é ampliar esta iniciativa a todos os centros educativos onde o permita "o deseño do espazo público e viario". Para animar aos pais, sen cuxa colaboración, destacou Carme da Silva, este programa non sería posible, o Concello de Pontevedra organizará unha xornada formativa na que psicólogos e expertos en seguridade explicarán os beneficios que teñen este tipo de programas para os menores.
Neste sentido, o intendente da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, adiantou que se entregará a cada centro educativo unha enquisa para saber os itinerarios que realizan maioritariamente os nenos para chegar ata os colexios. O obxectivo é crear un mapa de mobilidade escolar, co que posteriormente poder establecer rutas seguras e pedir a colaboración de comerciantes e asociacións de veciños en cada un dos itinerarios.
Daniel Macenlle destacou ademais que Camiños escolares axuda a fomentar a seguridade viaria na contorna dos colexios, un dos puntos máis perigosos, dixo, do tráfico na cidade. "Coa chuvia, a marcha atrás, os coches aparcados na beirarrúa... xenérase un escenario que non é o máis seguro", afirmou. Ao reducir o número de pais que levan aos seus fillos ao colexio mellórase tamén a fluidez do tráfico e se fomenta formas de mobilidade sostible.