Un mozo de Meis, detido por positivo en alcohol e drogas, sufrir dous accidentes e darse á fuga
Por Redacción
Tan só 22 anos ten o mozo de Meis que, na madrugada deste domingo 7 de xaneiro, foi detido por axentes da Garda Civil de Tráfico tras dar positivo en alcol e drogas, nos controis que tivo que pasar tras provocar dous accidentes de tráfico e darse á fuga.
Segundo informou o instituto armado, o mozo foi identificado tras sufrir dous accidentes de tráfico con danos materiais cando circulaba por unha pista veciñal na parroquia de Paradela, ao redor das seis e media da madrugada.
Sufriu o primeiro accidente ao saír da vía pola marxe esquerda e chocar co muro de peche dunha leira, podendo reincorporarse á pista e renovar a marcha. Pero instantes despois volveu impactar contra o muro doutra vivenda. Nesta ocasión, o vehículo quedou inmobilizado co frontal totalmente esnaquizado. O mozo resultou ileso.
Unha vez sometido ás probas de detección de alcol, o detido deu 1,09 e 0,98, no dous test realizados, cuadriplicando en ambos a taxa permitida. Ademais, no control de drogas deu positivo en consumo de cocaína.
Este mozo, veciño de Meis, xa fora condenado por feitos similares e ten unha suspensión temporal vixente do permiso de condución.
Por iso, ademais dun delito contra a seguridade viaria -ao superar a taxa de 0,60 en ambas as probas- impútaselle outro delito por conducir sen contar co permiso correspondente, ao telo suspendido temporalmente.
As dilixencias instruídas pola Garda Civil serán remitidas ao xulgado de garda de Cambados, onde deberá comparecer o condutor en calidade de investigado.