A Garda Civil detén dous veciños de Moraña por roubo de cable telefónico
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous veciños de Moraña, C.A.B., e I.F.L., de 33 e 24 anos, respectivamente, como presuntos autores de máis dunha ducia de roubos de cable do tendido telefónico, que supostamente subtraeron durante os últimos anos en varios municipios da provincia.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, por mor das investigacións realizadas por efectivos de Cambados, a Garda Civil considera a estas dúas persoas como presuntos autores de, polo menos, catorce roubos de cable de cobre do tendido telefónico que viñan cometendo desde o ano 2012 en distintas zonas illadas dos municipios de Moraña, Campo Lameiro e Cuntis.
Nos catorce roubos que foron investigados, subtraeron máis de 2.500 metros de cable, valorado nuns 20.000 euros. Ademais, os danos de reparación do tendido superan os 30.000 euros, ao que hai que engadir a situación de incomunicación que sufriron as zonas dos concellos que estaban comunicados coas liñas danadas, que quedaron durante varias horas sen servizos tan elementais como o de teleasistencia.
MODUS OPERANDI
Os detidos, que se especializaron nos roubos de cable de cobre do tendido telefónico, accedían pola noite ata as zonas de monte por onde pasaba o tendido telefónico facendo uso dun vehículo todo terreo.
Unha vez na zona, actuaban con total impunidade, sen ser vistos, subindo polos postes de madeira cunha especie de calzos suxeitos aos pés, cortaban o cable cunhas tenazas e despois cortábano en anacos para extraer o cobre. Nunha noite podían chegar a subtraer entre 100 e 400 metros de cable.
O cable roubado adoitábano levar a unha zona de monte ou ata o garaxe da vivenda dun dos arrestados, onde extraían o cobre (pelando ou queimando a goma).
Finalmente, contactaban con chatarreiros ambulantes non rexistrados, procedentes na súa maior parte de Portugal, a quen lle vendía o cobre. No garaxe da vivenda dun dos detidos e nunha zona de monte próximo á vivenda doutro localizáronse restos das gomas de cable roubado.
Xunto cos detidos, foi investigada unha terceira persoa, JA.L.T., veciño de Portas, pola súa vinculación cun dos roubos.
OUTROS FEITOS DELITUOSOS
No marco da mesma investigación, tamén se lles imputa aos dous detidos a comisión doutros dous roubos, que cometeron durante o mesmo período de tempo: un deles nunha canteira de Campo Lameiro, onde subtraeron unha importante cantidade de cable da instalación eléctrica e da maquinaria e o outro no campo de fútbol de Moraña, cuxos efectos foron recuperados, en gran parte, no domicilio dun dos arrestados.
A investigación conclúe coa imputación doutro delito de roubo con forza nunha vivenda, na que subtraeron 2.700 euros e un quentador eléctrico, que foi localizado no domicilio doutro dos detidos. Os arrestados foron postos a disposición do Xulgado de Instrución de Caldas de Reis, que decretou a liberdade provisional con cargos de ambos, coa obrigación de comparecer periodicamente en sede xudicial.