Sogama promove a reciclaxe a través do fútbol
Por Redacción
O xogo xigante 'Un partido polo planeta' percorrerá 19 centros escolares que participan nunha nova edición do programa 'Recíclate con Sogama' coa intención de que os escolares melloren os seus coñecementos sobre o tres erres: reducir, reutilizar e reciclar. Desta forma preténdese que os nenos leven a cabo unha mellor xestión dos residuos urbanos, tanto nos colexios como nas súas casas.
Catro réplicas do xogo circularán de forma simultánea e progresiva polos centros de ensino. O taboleiro de xogo reproduce un campo de fútbol e os xogadores deberán superar unha serie de probas antes de chegar até a portaría para marcar gol.
As probas consisten en mostrar habilidades artísticas ou resolver adiviñas. Entre outras propostas, unha serie de cartas mostran distintos tipos de residuos e os pequenos deben designar a que colector se destinan.
Sogama facilitou ademais aos centros medios materiais como illas de reciclaxe con colectores para que os escolares depositen os diferentes envases, ademais de composteros para que elaboren compost coa idea de que utilicen o abono en hortas e xardíns dos recintos escolares.
Entre outros centros da provincia, a campaña de Sogama está a desenvolverse no CPI Aurelio Marcelino Rei García, de Cuntis, no CEIP de Viñagrande Deiro, en Vilanova de Arousa e no CEP Plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa.