"Estas ambulancias non son suficientes!"
Por Redacción
A asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias (ASGATE) ten en marcha unha campaña para solicitar a incorporación dunha nova ambulancia asistencial para Pontevedra e a súa zona sanitaria "para poder cumprir os tempos de reposta adecuados e non poñer en risco os usuarios con patoloxías graves" e nesa loita acaba de recibir o apoio de Marea Pontevedra.
O colectivo denuncia que o servizo ten actualmente dúas ambulancias asistenciais e unha medicalizada para a zona sanitaria de Pontevedra, uns medios que non permiten "garantir o seu correcto funcionamento", pois as dúas asistenciais xa están sobrecargadas cuns 5.000 servizos ao ano cada unha e un aumento previsible de 200 e 250 máis cada ano. Isto obriga a que se despracen ambulancias de fóra da área sanitaria para facer servizos e poder cumprir as necesidades da zona.
Segundo denuncian, poñen unha ambulancia de apoio, pero esta "non pode ser solución" se non ten recursos materiais nin humanos suficientes. Así as cousas, Asgate solicita "dotacións completas con ambulancias oficiais" nas que traballen dous ténicos en emerxencias sanitarias "para garantir a calidade asistencial e a seguridade dos traballadores".
Marea Pontevedra amosa o seu apoio ás peticións dos traballadores e solicita o rescate da xestión do transporte sanitario na vindeira finalización do contrato.
Ao respecto, lembran que o goberno da Xunta de Galicia adxudicou o servizo de ambulancias a unha UTE da empresa Valenciana Ambulevante SA (Ambuibérica) por un prezo previamente estipulado de 59 millóns de euros anuais, quedando calquera aforro en efectivos e persoal na conta de beneficios da concesionaria. Esta empresa resultou beneficiada no 'superconcurso' do Servizo Galego de Saúde en detrimento das empresas galegas, a pesar de estar inmersa en varios procesos xudiciais.
Relacionadas:
-
A CIG convocará unha folga ante a situación de "colapso" do transporte sanitario
Por Oskar Viéitez & María López Verdial |
-
Os traballadores de Ambuibérica maniféstanse ante a Xunta para denunciar incumprimentos laborais
Por Mónica Patxot |
-
Veciños e técnicos sanitarios plantan cara á febre dos 'lombos'
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |