A Lama poñerá a unha rúa o nome do cura, Miguel Carbajal
Por Redacción
O Concello da Lama ultima os preparativos para poñer a unha rúa o nome de Miguel Carbajal Sobral, párroco de Antas, Seixido, A Lama e Anceu desde o ano 1975 ata a data da súa morte, en xaneiro de 2015.
Trátase do viario que comunica o pavillón municipal coa igrexa parroquial.
Os actos de homenaxe a este cura terán lugar este domingo 29 de xaneiro, unha vez concluída a tradicional misa dominical, e a eles están convidadas as autoridades eclesiásticas, entre as que figura o bispo de Tui-Vigo, o monseñor Luís Quinteiro Fiuza, membros da corporación Municipal e veciños do municipio.
A decisión foi adoptada por unanimidade nun Pleno celebrado o 30 de xaneiro de 2015 no que tamén se acordou homenaxear á súa persoa, moi vinculada co municipio "sobre todo a través da súa inestimable colaboración para dotar de infraestruturas ao concello xa que sempre mediou entre a Igrexa e nós para poder contar con accesos axeitados para mellorar as comunicacións e o nivel de vida dos nosos veciños", sinalou o alcalde Jorge Canda.