Agárdase a presenza de 20.000 visitantes á feira de oportunidades Stock Pontevedra
Por Redacción
Volve Stock Pontevedra, a feira na que expoñerán para a venda a oferta de oportunidades de establecementos comerciais da cidade. Durante os días 3, 4 e 5 de febreiro, o Recinto Feiral de Pontevedra volverá converterse nun gran centro comercial con 4.500 metros cadrados para expoñer os produtos e no que se espera que se dean cita ao redor de 20.000 persoas.
Desde o Centro Comercial Urbano Zona Monumental fan un chamamento a todos aqueles comerciantes que tivesen problemas de stocks ou que durante as últimas campañas de vendas non lograsen cumprir obxectivos a que participen nesta feira. Ademais, tamén cursan a súa invitación aos establecementos que non poden contar cunha campaña de rebaixas como sucede como a das grandes superficies comerciais.
Para participar é necesario que os comerciantes estean dados de alta no imposto de actividades económicas nalgún dos epígrafes comprendidos no sector de comercio ou estar dado de alta no censo de actividades económicas dentro do epígrafe de venda polo miúdo.
Ademais, deberán contar un establecemento aberto ao público e poñer á venda os produtos propios do seu establecemento a un prezo ou nunhas condicións máis vantaxosas para os consumidores.
Os asociados ao Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a AEMPE terán un 25% de desconto sobre os prezos.