Edugal celebrarase do 15 ao 17 de febreiro
Por Oskar Viéitez
A Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra, Aempe, vén de presentar a VI edición do Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal, que se celebrará entre os días 15 ao 17 de febreiro no Recinto Feiral de Pontevedra.
O evento foi presentado este xoves polo presidente de Aempe, José María Corujo, e pola coordinadora de Edugal, Concepción Pereiro, na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo que volverá organizar este ano charlas co obxectivo de que o alumnado de bacharelato coñeza a oferta formativa actual do Sistema Universitario de Galicia.
A Escola de Enxeñería Industrial, ao igual que outros centros da Universidade de Vigo, está presente en Edugal desde a súa creación, hai agora seis anos, cun stand que nesta edición terá a amplitude precisa para permitirlles amosar as titulacións que o centro oferta, "desde o Programa Integrado en Enxeñería Industrial ata os graos especialistas, ademais dunha oferta específica en másteres profesionalizantes e cursos específicos", explicou o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pou.
Tamén participarán en Edugal as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Forestal, Aeronáutica, Informática e Minas que ofrecerán charlas do ámbito tecnolóxico, mentres que as facultades de Ciencias do Mar, Química, Bioloxía e Fisioterapia, farán o propio no ámbito científico e Ciencias Xurídicas e do Traballo, Belas Artes, Filoloxía e Tradución, Estudos Empresariais, Ciencias da Educación e do Deporte e Historia no xurídico-social e humanístico.
Relacionadas:
-
RADIO.- Traballa, canta, toca, baila, coida o medioambiente ...e pregoará as Festas de Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
A gran inserción laboral que ofrece a FP, principal reclamo de Edugal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
EDUGAL: Tres días para que os estudantes analicen o seu futuro vencellado ás empresas
Por Redacción |