Ponte Caldelas, contra os teitos de cristal e cemento
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas aposta pola igualdade organizando o ciclo 'Quérete a ti mesma', baseado na metodoloxía 'coaching' e co que se pretende axudar ao colectivo feminino a identificar as súas fortalezas e debilidades e, en último termo, romper os teitos de cristal (a barreira invisible que bloquea a carreira profesional) e de cemento (que moitas mulleres se autoimpoñen por falta de referentes ou por un xeito diferente de entender o liderado persoal) das veciñas do municipio.
O Concello destaca a través dun comunicado que o programa é pioneiro, sen precedentes en Galicia, e ofrece 16 sesións que se repartirán por boa parte das casas do pobo do rural para traballar a prol do empoderamento das mulleres.
O ciclo comeza o venres 10 de febreiro en Cuñas e remata o 16 de xullo en Parada. Incluirá sesións no centro cultural de Ponte Caldelas, Laxoso, Forzáns, Caritel, Anceu, Barbudo, Chaín, A Insua, Taboadelo, Xustáns, Vilarchán, A Reigosa, Santa Ana e Tourón en horario de 17.00 a 21.00 horas.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que é unha "moi boa oportunidade" para atopar unha axuda efectiva, pois os adestradores que ofrecerán estas sesións despregarán un método moi participativo no que as mulleres deberán buscar activamente as respostas que necesitan. Segundo destaca, serán sesións "moi vivenciais", polo que as asistentes non se limitarán a escoitar a unha conferencia, senón que terán unha participación moi activa.