O acusado de tentar matar a dúas irmás nega que as atropelase á mantenta: "Iba cegado por el sol"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O veciño de Vilagarcía Juan P.R. negou este martes que o 11 de xuño de 2014 tentase matar a dúas irmás no lugar da Torre, unha delas veciña súa coa que tiña mala relación. Sentou no banco da Audiencia Provincial acusado dun delito de homicidio en grao de tentativa porque tanto o fiscal como a acusación particular sosteñen que as atropelou co seu coche á mantenta para acabar coa súa vida, pero el sostivo que non o fixo con intención senón que as levou por diante sen saber que eran elas e por accidente porque "iba cegado por el sol".
Tras o xuízo, o fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, decidiu cambiar a súa acusación contra Juan P.R. Nun primeiro momento pedía que fora condenado a 18 anos de prisión, nove por cada delito, pero, tras analizar as probas que se exhibiron durante a vista oral, reduciu a súa petición e pide ao tribunal da Sección Cuarta da Audiencia que lle impoña dez anos, cinco por cada delito. Tamén a defensa do procesado, que exercen os avogados Eloy Artime e Carmen Ventoso, decidiu modificar o seu escrito de acusación inicial, no seu caso, para pedir ás maxistradas que teñan en conta a circunstancia atenuante de arrepentimento espontáneo.
O acusado explicou que ese día colleu o coche da súa irmá para ir ao xulgado, pero dirixiuse cara á zona da casa dunha das dúas mulleres atropeladas para dar a volta nunha praza próxima. Tras iso, ía a uns 20 quilómetros por hora cando, sen darse de conta, atropelou a dúas mulleres, pero asegura que antes de alcanzalas, non as viu. Si as distinguiu tras darlles co coche, pero non soubo quenes eran nese momento.
Tras o atropelo, asegura que non parou porque non tiña teléfono para pedir axuda, senón que se dirixiu cara á súa casa para pedir á súa nai que chamase á Policía. A súa nai non quixo declarar durante o xuízo alegando que "no quiero, no estoy bien", pero si prestou testemuño a súa irmá, que estaba na casa nese momento e asegura que el entrou polo portal "gritando y diciendo que llamásemos a la Policía, que había atropellado a unas mujeres".
Con este testemuño, a irmá corrobora a versión do acusado, que discrepa coa das presuntas vítimas. Unha das mulleres, M.I.M.C. tampouco viu quen lle atropelou, senón que "solo vi un reflejo rojo y ya estaba en el suelo", pero a súa irmá, M.M.C., asegurou na sala de vistas que si distinguiu ao acusado e, xusto antes de atropelalas, "estaba rindo". Ademais, asegura que as dúas estaban pegadas ao muro da casa da súa irmá cando "mirei un coche de fronte, de súpeto, empeza a acelerar, xira un pouco ao noso lado" e levounas por diante.
O acusado e unha das súas vítimas, M.I.M.C. eran veciños e tiñan unha mala relación que xa levaran á muller para presentar diferentes denuncias, algunha por ameazas de morte, e a varios xuízos de faltas por lesións, ameazas, vexacións inxustas e danos. Pouco antes do atropelo, ditaran unha orde de afastamento que lle impedía achegarse a ela.
Como consecuencia dos feitos, a súa irmá sufriu politraumatismos, múltiples feridas, unha escordadura, rotura parcial de ligamento cruzado posterior e contusións óseas e M.I.M.C. varios traumatismos graves e múltiples erosións.
Un médico psiquiatra que atendeu ao acusado durante dez anos entre 1998 e 2007 e os forenses que lle atribuíron tras estes feitos confirmaron que presenta un trastorno mixto da personalidade, e no momento dos feitos conservaba a capacidade de comprender, pero tiña lixeiramente diminuída a capacidade de actuar conforme a esa comprensión. "Sabe lo que hace, comprende que lo que supuestamente hizo no está bien, pero la capacidad reflexiva en ese momento en concreto no estaba al 100%", sinalaron as forenses. O psiquiatra engadiu que era unha persoa "fácilmente irritable" e "puede responder impulsivamente a ciertos actos".