O "escalofriante" superávit amosa, segundo o PP, que "hay margen" para baixar os impostos
Por Alejandro Espiño
O superávit de máis de cinco millóns de euros que recolle o avance da liquidación das contas municipais de 2016 é unha mostra, segundo o Partido Popular, que no Concello "hay margen" para baixar os impostos que pagan os pontevedreses e reducir a presión fiscal que existe no municipio.
O portavoz do PP, Jacobo Moreira, ironizou ao cualificar como "escalofriante" este superávit, un balance que demostra que ou ben se recadou diñeiro "que no era necesario" ou ben que o goberno municipal "non foi capaz" de executar os investimentos previstos no seu propio orzamento.
Os populares lamentan que en 2016 recadouse 1,2 millóns de euros máis do previsto en taxas e impostos por unha "voracidad recaudatoria" do Concello que "cada vez va a más". Por iso, piden reducir esta presión fiscal porque entenden que ese diñeiro "está mejor en los bolsillos de los pontevedreses" en lugar de telo o Concello "en el banco".
Eses cinco millóns, apuntou Moreira, poderíanse destinar a reforzar os servizos sociais ou a executar obras e compromisos "que se incumplieron" o pasado ano.
O PP reclamou ao BNG que faga unha "reflexión profunda" da súa política económica porque "ya está bien que esquilme a los vecinos".
Ademais, con respecto á execución do orzamento, Jacobo Moreira lamentou que "bajo" grao de execución dos investimentos que, en total, deberían ascender a 18 millóns de euros e, segundo a liquidación, quedou en 11 millóns -ampliables a case 15 se se contan as obras en marcha e aínda non abonadas-.
Para o portavoz do PP nos últimos meses de 2016, o Concello protagonizou un "rally alcista" na adxudicación de obras para cumprir coas previsións e levaron a cabo unha "carrera de dedazos" que, avanzou, denunciarán publicamente nos próximos días.