UGT e CC.OO. concéntranse ante a Cámara de Comercio para defender a negociación colectiva
Por Mónica Patxot
Os sindicatos Comisiones Obreras e UGT levan a cabo actos de protesta para denunciar que o desemprego se reduce de maneira moi lenta e non se ataca o paro de longa duración, que está a afectar a máis de 30.000 persoas nas comarcas de Pontevedra, Arousa e Deza. Por este motivo, reclaman un plan de emprego de choque con medidas específicas para os parados.
Desde estas centrais reclaman tamén fórmulas para facer fronte ao paro xuvenil porque, sinalan, o Programa de Garantía Xuvenil, aprobado hai dous anos, non está a ter repercusión.
Tamén indican que a precariedade laboral continúa aumentando cun emprego de baixa calidade, inestable e pouco produtivo. Os responsables sindicais afirman que, de cada 100 contratos que se asinan, 91 son temporais e 9 indefinidos dos que só 5 son indefinidos a tempo completo.
A taxa de temporalidade no emprego segue aumento situándose no 26,5%, a máis alta desde hai oito anos. E os contratos temporais duran cada vez menos, cunha duración inferior a sete días.
Ante esta situación, este mércores, unha trintena de delegados sindicais concentrábase ante a sede da Cámara de Comercio de Pontevedra reclamando unha negociación colectiva que, segundo apuntan, non se acordou aínda para marcar o díxito de aumento salarial para este 2017, a pesar de que nos atopamos no mes de febreiro.