Investigan se unha persoa disfrazada provocou un incendio tras roubar na bocatería Orange
Por Natalia Puga
A Policía Nacional abriu unha investigación para averiguar a orixe dun incendio rexistrado na madrugada do martes ao mércores de Entroido na hamburguesería-bocatería Orange da rúa Joaquín Costa de Pontevedra. A Policía Científica aínda non puido determinalo, pero todo apunta a que puido ser intencionado. Ademais, investígase se a persoa que o provocou puido ser a mesma que esa mesma noite roubou no interior do local.
Fontes oficiais da Policía Nacional confirmaron que os responsables do negocio acudiron á Comisaría para denunciar un roubo, no que a persoa ou persoas que entraron levaron o diñeiro da recadación que gardaban na caixa rexistradora, entre 140 e 150 euros.
O incendio produciuse sobre as 1.20 horas da madrugada do martes ao mércores e, segundo puido saber PontevedraViva, hai unha testemuña que a esa hora viu como unha persoa saltaba pola xanela do establecemento. Ía disfrazada e marchou do lugar inmeditamente.
Por mor de que esta moza presenciase como se escapaba o sospeitoso, outro mozo acudiu á Comisaría da rúa Joaquín Costa, situada a escasos metros do lugar, e avisou aos policías do que sucedía.
Tras recibir a alerta de que saía fume do establecemento, os bombeiros de Pontevedra acudiron ao lugar. Cando chegaron, no interior da hamburguesería non se atopaba ninguén e tiveron que acceder pola parte de atrás do local. O lume iniciouse na cociña e inmediatamente lograron sufocar as chamas evitando que se propagasen polo resto do establecemento.
O lume provocou moito fume no interior da bocatería e agora queda por determinar onde comezou. Puido ser no ferro da cociña ou nunha papeleira, pero continúan as investigacións.