Falece un motorista nun accidente en Poio
Por Redacción
Un home de 38 anos faleceu este venres nun accidente de tráfico nunha estrada secundaria en Poio. O home circulaba nunha motocicleta e, por causas que se descoñecen, saiu da vía e falecía no lugar do accidente.
O sinistro produciuse sobre as 14.20 horas deste venres no lugar de Rial, na parroquia de San Xoán de Poio, nunha zona de monte próxima á Banda do Río e á parroquia de Combarro. O falecido conducía unha motocicleta Triumph, modelo Bonneville A2.
Ao lugar trasladouse a Garda Civil de Tráfico, que regulou o tráfico e realizará unha investigación sobre o ocorrido. Tamén se desprazaron efectivos de Protección Civil de Poio e Urxencias Médicas de Galicia, que xa non puideron facer nada por salvar o condutor. Pouco antes das 16.00 horas tivo lugar o levantamento do cadáver.
Fontes presenciais indicaron que o falecido, de iniciais A.P.E., de 38 anos de idade, é veciño da zona. As causas do accidente aínda están por investigar, pero cabe apuntar que se trata dunha estrada secundaria con moitas curvas e na que, segundo os veciños, non é raro que haxa areas, grava ou ramas no medio da calzada.
O falecido facía uso do casco homologado pola Dirección Xeral de Tráfico.