A Bienal de Grenoble, interesada polo modelo urbano de Pontevedra
Por Redacción
O modelo de peonalización de Pontevedra quedou exposto polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na Bienal Cidades en Transición de Grenoble, un evento no que se está analizando a evolución das cidades para convertirse en espazos sostibles e igualitarios.
O alcalde de Pontevedra participaba na mesa redonda 'Transición medio ambiental: da emerxencia ao bo-vivir' na que se facía referencia a unha alternativa real ás cidades invadidas polos coches.
No debate participaron tamén Thomas Kufen, alcalde de Essen (Alemaña), Huanxun Song, do concello de Suzhou (China); Tim Sadler, do concello de Oxford; Gregor Robertson, alcalde de Vancouver (Canadá) e os concelleiros de Grenoble, Vincent Fristot (Urbanismo) e Lucille Lheureux (Espazo Público e Natureza).
Tratouse a peonalización, a implantación da velocidade 20-30 quilómetros/hora e a "desautoxicación" da cidade analizando os beneficios no campo social, económico e tamén ambiental.