Interceptan en Cambados un home sobre o que pesaban sete ordes xudiciais de busca e detención
Por Redacción
A Garda Civil detivo en Cambados un veciño de Ames sobre o pesaban ata sete ordes de busca e detención, entre elas unha orde de ingreso en prisión decretada pola Audiencia Nacional no ano 2014.
Un patrulla de seguridade cidadá do posto de Sanxenxo localizou o xoves un vehículo, ocupado por catro persoas, estacionado nunha céntrica rúa da localidade, e ao achegarse comprobaron visualmente a identidade do condutor, do que xa coñecían as requisitorias xudiciais que tiña pendentes.
Ao decatarse da súa presenza, o coche emprendeu a marcha, polo que se lle fixo un seguimiento ata Cambados, onde foi interceptado coa axuda doutra patrulla da Garda Civil.
Ao ser identificados os ocupantes, o condutor do vehículo, que resultou ser A.F.R., de 48 anos, presentou o Documento Nacional de Identidade e o permiso de condución falsificados. Ambos documentos figuraban a nome doutra persoa, con domicilio en Sanxenxo, e tiñan a súa propia fotografía.
O detido foi sorprendido cando conducía tendo retirado o permiso de conducir por perda de puntos. Sobre el figuraban dúas ordes xudiciais de busca e detención para o seu ingreso en prisión: unha delas da Audiencia Nacional por un delito de tráfico de drogas e outra do Xulgado do Penal 1 de Mérida por conducir co permiso non vixente por perda total de puntos.
Ademais o seu historial delituoso reflicte outras cinco requisitorias pendentes de xulgados da Coruña, Ourense e Badaxoz, dous delas por estafa e outras tres por conducir sen carnet por telo retirado.
Trala súa detención acusóuselle da comisión dos delitos de falsificación de documentos, usurpación de estado civil e contra a seguridade viaria e foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Cambados, que decretó o seu ingreso no centro penitenciario da Lama.