Un desafiuzamento por impago do aluguer en Loureiro Crespo remata con tres detidos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Foron necesarios doce axentes da Policía Nacional, entre as 12.00 e as 14.00 horas, para desaloxar os inquilinos dunha das vivendas do terceiro piso do número 71 da rúa Loureiro Crespo. Unha orde xudicial obrigaba estes veciños de orixe colombiana a abandonar a vivenda e no momento en que a Policía compareceu no lugar, o edificio converteuse nun campo de batalla.
Os axentes tiveron que derrubar a porta que se encontraba bloqueada dende o interior cun estante. Cando conseguiron acceder, dende o interior foron recibidos con lanzamento de obxectos, botes de pintura e mesmo a inquilina que asinara o contrato de arrendamento chegou a ameazar cun coitelo de xamón aos membros da Policía.
Durante o intenso forcexo, os habitantes da vivenda arrancaron unha ventá da parte de atrás e lanzárona sobre un vehículo que se encontraba aparcado nas inmediacións da rúa Forcarei ao que lle estragaron o cristal dianteiro. Ningún policía resultou ferido aínda que si sufriron cortes na vestimenta e danos nas defensas persoais.
Tres persoas detidas
Finalmente, os axentes detiveron as tres persoas que nese momento se encontraban na casa, dous homes e unha muller, por desobediencia e atentado a axentes da autoridade.
As propietarias encontrábanse este mediodía desoladas ante a vivenda, agardando á chegada dun carpinteiro para que lles instalase unha porta e afirmaban que o interior do piso "está totalmente destruído". Pero negáronse a realizar máis declaracións sobre os incidentes. Testemuñas presenciais afirman que "nos últimos tempos, se descoñecía cantos vivían nese piso".
Unha ambulancia tivo que acudir ata a Comisaría da Policía Nacional para atender á muller detida debido ao estado de nerviosismo no que se encontraba e atendeuna un médico nas propias instalacións.
Segundo fontes relacionadas co caso, a inquilina levaba dous anos sen pagar o aluguer e o xuíz determinou o desaloxo tras cumprirse con todas as garantías procesais e esgotar os prazos.