Lores defende en Madrid o 'modelo 30' de Pontevedra, "pioneiro en España"
Por Redacción
"Pontevedra leva trece anos promovendo unha gran transformación que nos levou a eliminar os mortos por accidentes de tráfico na zona urbana tratada e reducir a importancia ou gravidade dos poucos que se rexistran". Foi o primeiro que destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, na súa participación na xornada organizada en Madrid pola Fundación Pons, en apoio do Movemento 30 que se pretende implantar en Europa.
Na súa intervención, Miguel Fernández Lores sinalou que Pontevedra é unha cidade cuxo espazo urbano foi declarado zona 30, un proceso, dixo, que se iniciou coa chegada do BNG á alcaldía "porque nos propuxemos dar un xiro radical e optamos por camiñar cara a un modelo de cidade co que puidésemos alcanzar unha maior calidade urbana a todos os niveis". A zona 30 foi, explicou, "unha consecuencia máis da transformación global da cidade".
Tras destacar as características de Pontevedra como "cidade compacta e chá" na que só o 30 por cento dos desprazamentos realízanse en coche, Fernández Lores afirmou que co modelo de cidade conseguiuse "que Pontevedra fose un lugar agradable, acolledor, interesante para gozar da vida sen agobios". E detallou os pasos dados nese sentido, comezando coa peonalización do Centro Histórico "ás poucas semanas" de chegar á alcaldía.
Foi, segundo o alcalde de Pontevedra, "unha importante decisión urbanística que consistiu tamén en impedir ou frear na medida do posible a disgregación da cidade, tanto a nivel residencial, manténdoa compacta, como a nivel comercial, xa que non facilitamos a instauración de centros comerciais nos arredores, nin espazos residenciais illados, que competisen co centro urbano tradicional ou que esixisen un uso do coche aínda maior".
Ademais, Miguel Fernández Lores afirmou que a cidade creceu nos últimos anos "proporcionalmente máis que ningunha outra de Galicia, pero o seu aspecto compacto e sostenible non se perturbou". A iso contribuíu, dixo, que "neste tempo fomos perfeccionando os mecanismos de xestión dos fluxos de persoas, bicis, coches, autobuses, aparcamentos e todas as variables que conflúen na mobilidade".
Neste sentido, o rexedor capitalino destacou que unha das grandes preocupacións do deseño da mobilidade foi a seguridade, aplicando medidas que non gozaron do apoio maioritario dos cidadáns como os 'lombos', "e fixémolo, como toda a reforma urbana, sen demasiado medo, con firmeza e decisión, sabendo que nos atopariamos con algunha oposición, pero tamén que respondiamos ao interese xeral da cidade".
Non se esqueceu Fernández Lores de destacar os recoñecementos que nos últimos anos recibiu Pontevedra, o último deles, o premio Intermodes recibido recientemente en Bruxelas. Por iso é polo que concluíse invitando aos membros deste Movemento 30 "a coñecer sobre o terreo a cidade, intercambiar pareceres cos nosos técnicos e informarlles de todas cantas cuestións necesiten".