Un xuízo segue no aire por mor dos problemas do sistema de gravación da Audiencia
Por Natalia Puga
Os problemas técnicos no aparello de gravación de vistas dunha das salas da Audiencia Provincial de Pontevedra ameazaron con obrigar a repetir tres xuízos celebrados entre xaneiro e febreiro. Finalmente, a incidencia está solucionada e acábase de confirmar que tan só un dos tres procedementos continúa pendente de determinar se se poderá ditar sentenza de todos os xeitos ou haberá que repetir a vista oral.
Entre xaneiro e febreiro houbo dous xuízos que non se gravaron enteiros polos problemas no funcionamento do sistema e un terceiro no que o que non se gravou foron as declaracións de seis testemuñas. Días atrás xa se confirmou que o acta redactada polo secretario da Sección Segunda sobre o xuízo do que non se gravaron eses seis testemuñas era suficiente para as partes, de modo que non era necesario volver chamalos a declarar. Este martes fontes xudiciais confirmaron que outro dos xuízos afectados tamén se libra.
O sistema de gravación das salas de vistas operativo na Audiencia desde 2015 está chamado a sacar das salas aos secretarios xudiciais, que ata agora se encargaban de realizar o acta do que pasaba no xuízo. Dado que con ese novo sistema xa non teñen que levantar acta exhaustiva, tan só rexistran un esquema breve do que ocorre, pero non tan meticuloso como antes deste novo sistema. Tanto no xuízo das seis testemuñas como nun dos que non se gravou enteiro, o maxistrado que redactará a sentenza considerou que é suficiente con ese documento -ao que as partes deron o visto e prace- e coas notas que se tomaron durante o xuízo.
Este xuízo que se 'salva' de ter que repetirse sentou no banco un veciño de Cuntis acusado de agredir a tres mulleres en Barro durante un permiso penal. Nas próximas semanas, o maxistrado redactor ditará sentenza e decidirá se lle impón os seis anos e dous meses de prisión que lle pide a Fiscalía.
O terceiro xuízo que aínda segue no aire sentou no banco dos acusados a J.M.M.R., xerente da mercantil de Viascón (Cotobade) RFO S.L., que se enfronta a unha pena de sete anos de prisión e unha multa de 372.240 euros por estafa continuada na instalación de casas prefabricadas de madeira. A vista oral celebrouse o 17 de xaneiro e o sistema non recolleu a sesión. O maxistrado redactor da sentenza aínda non decidiu se haberá que repetir toda a proba, co consecuente prexuízo tanto para as presuntas vítimas como para o resto de testemuñas e, ademais, o traballo engadido da Sección Segunda.
Relacionadas:
-
A Audiencia repetirá en xullo o xuízo por estafa que non quedou gravado por problemas técnicos na sala
Por Natalia Puga |
-
O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para resolver os problemas tecnolóxicos na Audiencia de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O sistema de gravación de vistas da Audiencia volve dar problemas
Por Anxo Lourido & Natalia Puga |
-
O fiscal retira a acusación contra un dos sospeitosos dunha agresión sexual múltiple en Lalín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O sistema de gravación de xuízos da Audiencia xa funciona correctamente, pero hai dous irrecuperables
Por Natalia Puga |
-
Cando os problemas técnicos dificultan impartir xustiza
Por Natalia Puga |