Deteñen por roubar 40 bolsos un ladrón xa investigado por furtar tabaco, roupa e cremas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Nacional detivo nos últimos días un mozo pontevedrés de 31 anos polo roubo con forza de 40 bolsos de muller e, de paso, atribuíulle seis furtos que por si sós non derivarían en detención polo escaso valor dos obxectos.
Segundo informou a Policía Nacional, o mozo, coñecido en ambientes policiais, conta con antecedentes. Por estes feitos foi posto a disposición xudicial ao longo da mañá deste martes e foi posto en liberdade, pero investigado por un roubo con forza e seis furtos.
En cada ocasión o subtraído non excede dos 300 euros aínda que a actividade deste individuo é continua chegando a repetir establecemento, mesmo nalgún dos casos entrou ata en tres ocasións. Segundo os datos facilitados pola Comisaría Provincial, o valor de todo o subtraído nos furtos ao descoido que lle atribúen ascende a 1051,57 euros.
A detención tivo a súa orixe nunha denuncia por roubo nunha furgoneta presentada este luns 20 de marzo na Comisaría. Nesa ocasión, supostamente forzou as portas do vehículo e apoderouse de 40 bolsos de muller valorados en 800 euros.
En relación cos furtos que se lle atribúen, a Policía indica que a súa forma de actuar habitual é entrar a fume de carozo nos establecementos e subtraer o que atopa ao alcance da man, con botíns que inclúen cartóns de tabaco en estancos, pezas de roupa en tendas da rúa Benito Corbal ou produtos de beleza en farmacias. Precisamente, polo seu roubo en estancos e a súa predilección pola marca Chesterfield, bautizóuselle como 'Chester', segundo fontes extraoficiais da Comisaría.
Por mor desta intervención, a Policía Nacional lembra aos comerciantes que é aconsellable tratar de evitar na medida do posible expoñer os produtos postos á venda próximos á porta de entrada e ao alcance da man.