Cuntis licita o servizo de axuda no fogar por 1,6 millóns de euros
Por Redacción
O Concello de Cuntis sacará a licitación o novo contrato do servizo de axuda no fogar, despois de que a corporación municipal aprobara por unanimidade a apertura deste procedemento.
Trátase, recorda o goberno municipal, do maior contrato que licita o Concello. O seu custo ascenderá a 1.618.552 euros e terá unha duración de dous anos, prorrogables a outros dous.
O contrato inclúe a prestación básica do sistema de servizos sociais en réxime de libre concorrencia e a prestación a persoas en situación de dependencia valoradas que teñan a asignación deste servizo na resolución do programa individual de atención.
Con este servizo buscan, entre outros obxectivos, mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e posibilitar a súa permanencia na súa contorna habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter as redes de relación familiar e social, previr situación de dependencia ou exclusión social ou retardar e evitar a institucionalización.
O Concello estima que se atenderán 4.848 horas na modalidade de prestación básica e 26.268 horas na atención a persoas dependentes.
O goberno local considera que a licitación deste servizo é básica para o Concello, ao ser un servizo que se presta diariamente a todas as veciñas e veciños de Cuntis.