En breve a Brilat formalizará un convenio de colaboración con Aempe, a Asociación da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra, para a colaboración na reincorporación no mercado laboral daqueles que deixan o exército con 45 anos.
Segundo o comandante Pablo Ponce de León, que nos acompaña no programa Mesas e manteis de PontevedraViva Radio, este convenio resolverase en Madrid e "imos por bo camiño". A iniciativa tamén se comezou noutros cuarteis; Estremadura, Madrid, Sevilla, Castela - León e Valencia. "Non somos pioneiros, pero imos a par doutras unidades, e estamos por moi bo camiño". De feito tívose un primeiro contacto entre representantes de Aempe e responsables da Base Militar Xeneral Morillo.
Un destes empresarios implicados no convenio é o restaurador Francesco Iannelli, que lembra que no acuartelamento de Figueirido hai "profesionais de todo tipo: mecánicos, condutores, cociñeiros, electricistas...etc". No exército hai tres tipos de contratos: de curta duración por seis anos, de longa duración ata os 45 anos de idade ou optar por ser militar de carreira. Desta forma nos dous primeiros casos, desvincúlanse do exército con esa idade.
"Con 45 anos aínda es novo e podes achegar moito á sociedade, e por tanto hai unha canteira de profesións para incorporarse ao mercado laboral", engade Francesco. A porcentaxe de reincorporación, por agora é mínimo; teñen unha pequena pensión pero requiren seguir incorporados a algunha actividade profesional, apunta o comandante.
Dado que estamos en Mesas y manteles, acompáñannos tamén o cabo primeiro William Iglesias -responsable de cociña- e o sarxento orimeiro Rubén Pol. -responsable de abastecemento-. Eles achégannos a experiencia da cociña. Cando se trasladan de manobras, un equipo de catro persoas encárganse da alimentación para 800 militares, na súa cociña de campo. Ás seis da mañá arrincan cos almorzos e xa non se para para continuar coas comindas e as ceas, comenta o cabo Iglesias. "A coordinación non pode fallar. Un fallo é grave, porque rompe o resto da cadea loxística", explica o sarxento Pol.
Esa circunstancia é a habitual. O sarxento lembra que en 2015 durante unhas manobras en San Gregorio, en Zaragoza, a Brilat alcanzou un récord: alimentar durante o tempo daquel exercicio a tres mil persoas. "Recordo que romperamos os stocks de Zaragoza e que tiven que solicitar abastecemento tamén de Sevilla, Barcelona, Madrid... pero cumprimos coa misión e todo o mundo quedou contento".
Neste punto, Francesco apunta o impacto que a presenza da base militar ten en Pontevedra "e estamos a falar só desta parte de cociña". Os mandos que nos acompañan tamén dan as grazas aos provedores locais porque " de verdade, que se desviven por nós cada vez que temos que saír de manobras".
Terminanos o programa lanzando unha luva que sae destes estudos e que tanto Iannelli como o comandante Ponce de León recollen. A proposta queda emprazada a unha data sinalada: este 2017, en xuño, cúmprese o 51 aniversario da Brilat. En que consistirá?, o mellor escoitar Mesas y manteles.