A xuízo por abusar dunha moza nun posto de tatuaxes das festas da Peregrina
Por Redacción
O veciño de Pontevedra E.D.C.C. sentará o vindeiro martes 18 de abril no banco dos acusados da Audiencia Provincial para render contas por un delito de abusos sexuais que presuntamente cometeu durante as últimas festas da Peregrina nun posto de tatuaxes instalado na contorna da Alameda e Raíña Vitoria.
A fiscal do caso, a tenente fiscal de Pontevedra, Carmen Novo, pide que sexa condenado a dous anos e medio de prisión por presuntamente abusar dunha moza á que estaba a facer unha tatuaxe nun brazo no posto que tiña instalado na zona das barracas de feira.
Segundo o relato dos feitos dos que o acusa a fiscal, e que serán revisados pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial, todo ocorreu sobre as 23.00 horas do pasado 13 de agosto de 2016.
O acusado atendeu a esta moza e ás súas amigas e, cando a vítima se atopaba sentada ao seu lado para que lle tatuase o brazo, pasoulle o brazo por detrás e tocoulle o cu "coa finalidade de satisfacer o seu apetito sexual". A moza chamoulle a atención polo seu xesto e el, segundo sostén a fiscal, contestoulle "qué pasa, es un culo, puedes tocar el mío".
Tras este feito, a moza logrou liberarse, abandonou o posto e relatou o ocorrido ao vixiante de seguridade, que se dirixiu a E.D.C.C. e pediulle a súa documentación. Nese momento, o home fuxiu do lugar, pero alcanzárono pouco despois a pouca distancia de alí, á altura da praza de touros.
Naquel momento, o home foi detido pola Policía Nacional e, tras pasar a noite na Comisaría, foi posto a disposición do xulgado de garda, que decretou xa ao día seguinte a súa posta en liberdade investigado por un delito de abusos sexuais. Desde entón, está en liberdade por estes feitos.