O parque do Espiñeiro amplía elementos de xogo e gaña en accesibilidade
Por Redacción
O parque infantil do Espiñeiro, en Portonovo, aumentou a oferta de elementos de xogo para os nenos da localidade. O Concello de Sanxenxo instalou unha montaña dotada dun tobogán cun ancho que dobra o habitual e unha cama elástica.
A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, explica que a instalación da montaña busca fomentar o xogo participativo e a creatividade e imaxinación dos nenos. Ademais, trátase dun xogo que favorece a accesibilidade universal, pois a rampla permite o acceso nunha cadeira de rodas ou de paseo e o ancho do tobogán garante que poida ser utilizado por nenos con calquera tipo de discapacidade, ou mesmo acompañados por adultos.
A cama elástica está integrada na zona de montaña para que os nenos poden saltar. O Concello de Sanxenxo destaca, a través dun comunicado, que se trata dun elemento novo que estrea o parque do Espiñeiro e que está a ter unha excelente acollida por parte do público infantil.
A concelleira insiste na importancia de que os parques infantís teñan en conta a realidade dos nenos que teñen algún tipo de dificultade para gozar das randeeiras habituais e explica que esta montaña é "un granito de arena más" para que os pequenos con algún tipo de discapacidade poidan integrarse co resto dos seus compañeiros no tempo de lecer.
Este parque xa foi un dos primeiros en acoller unha randeeira para nenos con algún problema de mobilidade que, a través dun dispositivo de arneses, garante a súa seguridade mentres gozan do xogo. Ademais, conta con varias randeeiras para bebés, que foi necesario retirar para proceder ao acondicionamento da contorna no que se realizou a nova actuación, pero están xa instalados de novo.