Evaristo Pérez, adeus a 44 anos na Policía Nacional: do arrepentido Portabales ao agresor de Rajoy
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Coñecido por moitos como responsable da seguridade no estadio de Pasarón durante os partidos do Pontevedra Club de Fútbol e por menos como un dos axentes que o 16 de decembro de 2015 detivo ao mozo de 17 anos máis tarde condenado por agredir a Mariano Rajoy, as súas máis de catro décadas como policía deixaron a Evaristo Pérez interminables anécdotas. Con motivo da súa xubilación, fai repaso a algunhas delas.
Chegou á xubilación 44 anos e seis meses despois de ingresar no Corpo Nacional de Policía, pasados 33 anos e tres meses desde a súa chegada á Comisaría Provincial de Pontevedra, tras 17 anos na brigada de Seguridade Cidadá. E de todos eses días de servizo hai un que non dubida en cualificar como "o máis desagradable dos anos que estiven de Policía". Trátase da agresión ao presidente do Goberno durante un paseo electoral pola cidade.
Evaristo Pérez formaba parte do segundo cordón de seguridade -o primeiro corresponde á Presidencia do Goberno- cando o mozo se achegou ao presidente e agrediulle. A pesar das críticas realizadas, considera que "non foi falta de seguridade", senón que se un político decide mesturarse coa xente como ocorre agora en moitos actos, resulta "impredicible" que ocorra: "Quen se vai a imaxinar que un rapaz de 17 anos vai pegar ao presidente do Goberno?".
Á hora de facer balance da súa carreira, ao ata agora responsable da brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría véñenlle dous nomes á cabeza como as "espiñas cravadas" que non puido resolver: Sonia Iglesias e Yasmina Soto-Quiroga. A primeira desapareceu en agosto de 2010 sen deixar rastro e o cadáver da segunda, veciña de Marín, foi localizado nas inmediacións do Lago de Castiñeiras en agosto de 1988, tres meses despois de que a súa familia denunciase a súa desaparición e cosida a puñaladas. O caso de Sonia aínda se segue investigando e é "o máis clamoroso" dos seus 32 anos en Pontevedra.
Outro nome propio marca inevitablemente o seu historial na Policia Nacional: Ricardo Portabales, o narcotraficante arrepentido que, coa súa confesión, abriu a investigación que culminou na famosa operación Nécora, que puxo fin á impunidade coa que actuaran durante anos os narcos históricos da Ría de Arousa. Xa como testemuña protexida, tivo unha relación con Evaristo Pérez que rozaba o acoso, pois "tiven que cambiar de teléfono porque me chamaba a casa ás catro da mañá".
"A Portabales detíveno eu estando como xefe do grupo de estupefacientes", lembra. Foi un martes de Entroido en Lérez, acabou no cárcere e "un día chamoume, quería denunciar a media humanidade". Aseguraba arrepentirse e quería confesarse con el e contoulle todo o armazón que máis tarde faría chegar por carta ao xuíz instrutor de Pontevedra Luciano Varela e ao maxistrado da Audiencia Nacional Baltasar Garzón.
Non lle daba maior credibilidade, pero o tema chegou á Fiscalía e derivou na operación Nécora. Tamén o día que a Audiencia Nacional entrou no Pazo Baión estaba a traballar Evaristo Pérez. Na súa opinión, aquela noite a Comisaría "parecía a invasión de Vietnam" e realizouse moi bo traballo policial, pero considera que "tanto traballo para tan pouco resultado, non mereceu a pena", pois houbo 68 procesados, 52 chegaron ao banco e moitos foron absoltos.
O narcotráfico segue sendo "un problema importante" nunha Pontevedra cun índice delincuencial "moi baixo". Tanto na Pontevedra que se atopou cando chegou á Comisaría nos anos 80 como na actual a droga é un dos asuntos máis presentes nas actuacións policiais. Desaparecido aquel punto negro nas escaleiras do Museo no que os toxicómanos se reunían para picarse heroína e posteriormente erradicados a droga e o botellón do Campiño de Santa María, a percepción social do impacto dos estupefacientes na sociedade pontevedresa é moito menor, pero Evaristo Pérez cre que non se debe levantar o pé do acelerador a pesar de que se reduciu o trapicheo e "agora entre menos droga en Galicia".
Evaristo Pérez entra agora nunha nova etapa vital. Xa xubilado, e tras unha comida de homenaxe prevista para o venres 29 ás 14.30 horas no Hotel Galicia Palace, pasará a ser "un xubilado máis" que coidará dos seus catro netos, viaxará e, sobre todo, seguirá acudindo fiel ao estadio de Pasarón. Desde hai 17 anos era o responsable da seguridade no campo e asegura que é un estadio tranquilo no que, en case dúas décadas, contabilizou cinco incidentes, case todos en fases de ascenso e partidos contra o Real Madrid.
Admite un pequeno problema con algunha das peñas, pero asegura que xa se está "tentando reconducir" e que, para lembrar o último incidente de seguridade en Pasarón, ten remontarse catro ou cinco anos. Con este balance, ten ganas de seguir disfrutando da deportividade dunha afección e un equipo ao que espera seguir vencellado.