Noite en vela en Borela por un incendio forestal que ameazou varias vivendas
Por Redacción
Un incendio forestal declarado na parroquia de Borela, en Cerdedo-Cotobade, mantivo en albas aos veciños da zona durante toda a madrugada.
O lume iniciouse pouco antes das 21:00 horas do xoves, propagándose con rapidez debido ao forte vento do norte que dificultaba as tarefas de extinción.
Traballaron no lugar medios da Xunta de Galicia con 14 brigadas, 6 motobombas, 6 axentes, 1 pa e tamén 1 helicóptero, que coa chegada da noite tivo que retirarse.
Preto das 22:00 horas, ante a proximidade das casas, os medios autonómicos solicitaron axuda aos Bombeiros de Pontevedra, que acudiron con dúas das súas unidades para protexer un dos núcleos habitados, de catro casas. A súa colaboración prolongouse ata a 1:40 da madrugada.
Os veciños da zona tiveron que ser evacuados por precaución. O incendio, segundo confirmou a Consellería do Medio Rural, deuse por controlado tras calcinar unha superficie próxima ás 30 hectáreas en función das primeiras estimacións.
CONTROLADO un lume no concello pontevedrés de Cotobade, parroquia de Borela, que afecta provisionalmente unhas 30 ha. #IFBorelaCotobade.
— incendios 085 (@incendios085) 28 de abril de 2017