O pleno da Deputación apoia á investigación do accidente do Alvia, pero sen buscar responsables políticos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou unha moción na que se adhire parcialmente ás peticións da Plataforma do Alvia 04155, presentada polo deputado de Xosé Lois Jácome Enríquez, da coalición electoral SON-Marea de Vigo.
Por unanimidade todos os deputados votaron a favor de que se investigue o accidente do tren de Angrois, pero só para coñecer as causas do descarrilamento en xullo de 2013 no que morreron 81 persoas e resultaron feridas outras 145 persoas, sen buscar responsabilidades políticas, algo que rexeitaron os grupos provinciais do Partido Socialista e Partido Popular.
Xosé Lois Jácome lembrou que o texto da moción é o proposto pola plataforma e non admite emendas pero se permitiu unha votación individual de cada un dos tres puntos que ten a moción.
Deste xeito aprobouse unanimemente "solicitar ao Goberno da nación que unha comisión de expertos e técnicos independentes investiguen o ocorrido", pero PSOE e PP rexeitaron solicitar ao Executivo "a apertura dunha comisión de investigación en sede parlamentaria para establecer posibles responsabilidades políticas". Os catro deputados do BNG e o de SON-Marea votaron a favor.
O portavoz do Partido Popular, Luís Aragunde, expuxo que a Deputación de Pontevedra "non é o foro adecuado, ao non ter as competencias". Pola súa banda o deputado socialista, Carlos López Font, coincidiu en que "non ten sentido expoñer un debate nesta administración neste asunto".
Populares e socialistas expresaron a súa "solidariedade" coas vítimas e os seus familiares.
SOCORRISTAS E ESTRADAS
Foi rexeitada a moción do grupo provincial do Partido Popular que reclamaba á Deputación a posta en marcha unha liña de axudas económicas para os concellos con praias costeiras ou fluviais nas que se necesiten socorristas. Desde o goberno provincial o vicepresidente e portavoz do BNG, César Mosquera, respondeu que "esta administración non inventa os cartos" e reivindicou os fondos destinados ao Plan Concellos e a "autonomía municipal" para decidir o destino dos mesmos.
Igualmente o Partido Popular viu rexeitada a súa moción na que esixía "explicacións e alternativas" ao goberno provincial pola "anulación" de sete proxectos de estradas. "Se viñésemos en plan revanchista poderiámoslles levar ao xulgado por mil asuntos", espetou César Mosquera defendendo que a presidencia de Carmela Silva trouxo á Deputación "a orde, a norma e a corrección" fronte ás "chapuzas e cacicadas" que facía o anterior goberno presidido polo popular Rafael Louzán.
A portavoz do PP, Nidia Arévalo, respondeulle "cuidadito con lo que dices" e animoulle a que acuda á xustiza se realmente ten motivos para iso.
MINUTO DE SILENCIO
O pleno gardou un minuto de silencio ao comezo da súa sesión deste venres polas vítimas do naufraxio do pesqueiro 'Nuevo Marcos', que se saldou con tres falecidos e dous sobreviventes.