Os pontevedreses gastarán 2,6 millóns de euros polo Día da Nai
Por Redacción
A Federación Provincial de Comercio estima que os establecementos comerciais da provincia de Pontevedra facturarán sobre 21,3 millóns de euros para este domingo 7 de maio, Día da Nai. Destes, na cidade de Pontevedra estiman que se gastarán 2,6 millóns de euros.
A expectativa do gasto expresada polos enquisados indica que se producirá un pequeno aumento en torno ao 8% en relación aos datos obtidos no ano anterior, xa que aínda que regalan máis ou menos o mesmo número de persoas, o importe dos agasallos é maior.ç
A federación interpreta que isto se debe a que a crise no consumo está a mellorar "pero aínda falta bastante para que o consumidor poida ter confianza á hora de gastar, nesta festa, como é o día da nai".
Da enquisa, tamén se preguntou ás persoas entre os 40 a 60 anos como celebran o día da nai. Ao ser domingo, o 7 de maio, a festividade do día da nai, estiman que un 40% das familias celebran a comida nalgún restaurante, o resto das familias reúnense en casa dos pais, e o gasto medio por restaurante, por persoa, oscila entre os 20 euros e os 35 euros, dependendo do restaurante.
Gasto realizado no Día da Nai:
- Nenos entre 5 e 14 anos: o gasto medio previsto é de 13 euros realizando agasallos o 80% dos enquisados.
- Persoas entre 15 e 29 anos: o gasto medio previsto é de 29,70 euros, realizando agasallos o 75 % dos enquisados.
- Persoas entre 30 e 49 anos: o gasto medio estimado é de 58,71 euros, efectuando agasallos o 65 % dos enquisados.
- De 50 anos en diante: o gasto medio estimado é de 50,00 euros, efectuando agasallos o 30 % dos enquisados.
Os principais artigos que se regalan neste día son artigos de perfumería e cosmética, bixutería, bolsos, xoiería, roupa e complementos, tecnoloxía, flores, libros e utensilios para casa.