A UNED dá luz verde a crear unha aula en Portas e un grao de criminoloxía
Por Redacción
A xunta reitora do Consorcio Universitario Centro Asociado á UNED en Pontevedra celebrou este xoves a súa primeira reunión do curso académico e acordou aprobar da petición realizada polo Concello de Portas para a apertura dunha aula universitaria na localidade. A creación queda pendente de ratificación por parte da sede central.
A xunta tamén deu luz verde ao comezo dos trámites de solicitude necesarios para impartir o novo grao en Criminoloxía, que se sumará á oferta de estudos oficiais que ofrecerá a UNED.
Na reunión tamén se acordou a liquidación do exercicio económico 2016. O total de gastos do centro asociado ascendeu a 1.667.611,68 euros, sendo a principal partida, do 65%, a destinada a persoal laboral.
O informe económico presentado detalla tamén un incremento dos ingresos propios, provenientes na súa maioría da explotación da extensión universitaria do centro asociado, que xa se converteu na súa terceira fonte de ingresos, representando un 12,65% do total e sendo superada só pola achega da sede central (37,03%) e a Deputación de Pontevedra (17,54%).
A xunta reitora é un órgano de control e tutela da UNED, composto por representantes de todas as entidades responsables do centro de estudos a distancia.
Este xoves estivo presidida pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e contou coa asistencia do vicerreitor adxunto de centros asociados, Vicente Pérez Fernández; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; ou o director de Ence, Antonio Casal, entre outros.
Relacionadas:
-
Criminoloxía, novidade nunha UNED Pontevedra que abre o seu prazo de matrícula
Por Redacción |
-
A aula da UNED en Portas é xa unha realidade
Por Oskar Viéitez |
-
A UNED de Pontevedra presenta cinco cursos de verán
Por Oskar Viéitez |
-
Increméntase o orzamento da UNED e desaparece o seu patronato
Por Redacción |
-
A UNED goza dunha "boa saúde" en Pontevedra con case 5.000 alumnos inscritos
Por Redacción |