O Concello ordena limpar o vertedoiro de Cons e pasará a factura ao dono da parcela
Por Redacción
Non haberá segundas oportunidades. O Concello de Pontevedra contratará á empresa Ediserpo para que proceda á limpeza do vertedoiro ilegal de Cons, en Mourente. Pagaráselle case 48.000 euros, unha factura que posteriormente se pasará ao dono da parcela.
Así o asegurou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías.
A pesar de que inicialmente parecía que era o propietario da parcela o que iniciara a limpeza, finalmente non se rematou, polo que o Concello pon en marcha esta contratación.
A empresa adxudicataria deberá facer unha separación previa dos distintos tipos de residuos, con especial atención aos pneumáticos e aos residuos con amianto por tratarse de restos perigosos e suxeitos a un protocolo específico de manipulación e tratamento.
Deberán facer fronte á carga e transporte dos residuos, o tratamento dos residuos non perigosos mesturados. a recollida, transporte e tratamento de pneumáticos, a recollida, transporte e tratamento e demais traballos durante a manipulación de residuos de amianto e a limpeza final da zona obxecto da vertedura.
Na zona están depositados unha grande cantidade de desperdicios domiciliarios como restos orgánicos, papel, cartón, envases, plásticos, vidro, colchóns, mobles, electrodomésticos, aparatos eléctricos e electrónicos, téxtiles, restos de demolicións e de pequenas obras, pneumáticos ou cubertas de fibrocemento.
Os traballos comezarán unha vez estean rematados os informes ambientais necesarios para a manipulación dos restos de amianto e uralitas.