Unha discusión nun bar pola venda dun teléfono sobe de ton e mobiliza á Policía dúas veces nun día
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un teléfono móbil foi este mércores o desencadenamento dunha forte discusión nun bar da rúa Michelena de Pontevedra na que tivo que acabar mediando a Policía Nacional en dúas ocasións ao longo do día, pola mañá e pola tarde Chegaron a intervir ata cinco axentes e un garda de seguridade e tiveron que custodiar a un dos implicados na discusión para abandonar o establecemento e acabaron detendo outro por un delito de atentado.
Todo comezou ao redor das 13.00 horas deste mércores. Un home acudiu a un bar da rúa Michelena para reclamar un teléfono móbil que lles vendera días atrás. A pesar de vendelo e cobrar, agora quería recuperalo e estaba disposto a devolver o diñeiro.
A discusión comezou cando a persoa que llo comprou lle dixo que non llo devolvía. Segundo indicaron fontes policiais, o teléfono móbil estaba avariado e levárano a un tenda para reparalo, de modo que lle explicaron que non podían devolverllo porque non o tiñan alí e instárono a acudir a buscalo ao establecemento de reparación.
O desacordo empezou dentro do bar, pero pouco despois saíu ao exterior, cunha dicusión entre varias persoas na rúa Michelena. As testemuñas alertaron á Policía Nacional e trasladáronse ao lugar nun primeiro momento os responsables de seguridade da oficina de expedición do DNI, situada a escasos metros. Logo uníronse dúas patrullas policiais.
O vendedor do teléfono seguía gritando cara ao interior do bar e reclamando o aparello e, a pesar de que os policías tentaban mediar, non se relaxaba. De feito, chegou a sentar nunha das mesas da terraza asegurando que non se iría do lugar ata que lle devolvesen o móbil. Finalmente, a Policía acompañou ata un dos coches patrulla a un dos clientes do bar co que se habían enfrontando e levoulle custodiado fóra de alí e, xusto despois, o vendedor tamén se foi.
Fontes policiais confirmaron que ningunha das partes implicadas quixo presentaron denuncia polo ocorrido, de modo que non hai detencións nin investigacións derivadas do incidente, que xerou gran expectación entre os viandantes das rúas Michelena e Gutiérrez Mellado.
Xa pola tarde, sobre as 18.30 horas, o 'vendedor' regresou ao bar e volveu comezar un enfrontamento que,n esta ocasión, motivou a intervención de catro patrullas policiais. O home alterouse en exceso e acabou enfrontándose tamén á Policía Nacional, de tal maneira que acabou detido por un delito de atentado a axente da autoridade. Durante a detención, presentou resistencia e foi necesaria a intervención de catro axentes para reducilo. Trátase dun home de 38 anos natural de Nigeria.