A Deputación abre o prazo aos concellos para que se adhiran ao programa de termalismo
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases reguladoras de DepoTermal, que cun orzamento de 102.000 euros permitirá que máis de 4.000 persoas dos concellos da provincia de Pontevedra se beneficien desta iniciativa de fomento do envellecemento activo a través do turismo de saúde e benestar.
O martes publicarase no BOPPO o extracto da convocatoria e, a partir deste mércores, os concellos que se queiran adherir a DepoTermal terán un prazo de 15 días naturais para facelo. Unha vez remate este prazo e se publique na páxina web da Deputación de Pontevedra a listaxe de concellos adheridos, abrirase o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar a súa participación no programa.
DepoTermal conta un total de 4.434 prazas que pon a disposición das persoas maiores de 50 anos, menores de 50 con condición de pensionista ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e para persoas con necesidade de respiro familiar de todos os concellos da provincia de Pontevedra. Desas máis de 4.000 prazas, 434 son gratuítas e están destinadas para persoas en situación de risco, exclusión social ou que contan con escasos recursos económicos.
Con DepoTermal, a institución provincial ten os obxectivos de fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través de facilitarlles o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario.
Ademais, pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
Relacionadas:
-
Fronte común das vilas termais para atraer turistas ás Rías Baixas
Por Redacción |
-
4.286 maiores da provincia participaron este ano no programa Depotermal
Por Redacción |
-
Máis de 38.000 persoas participan en oito programas de actividades da Deputación
Por Redacción |
-
434 prazas do programa DepoTermal serán gratuítas para persoas en risco de exclusión
Por Redacción |