VIDEO.- 1.354 rapaces de 20 centros de ensino participaron no Correlingua
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
As rúas de Pontevedra enchéronse este xoves con 1.354 rapaces que participaron no Correlingua. A carreira pola lingua este ano tivo por lema "En galego, sen cancelas".
Organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, AS-PG e CIG Ensino, o Correlingua tiña como obxectivo "propiciar a reflexión sobre a situación da lingua galega e a importancia de activar as accións en prol dela; sensibilizar á sociedade, a través da poboación infantil, da importancia da defensa da lingua galega e asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas, amenas e interdisciplinares".
O lema escollido para este ano "En galego, sen cancelas" está referido á necesidade de que o uso da nosa lingua non se vexa limitado de ningunha maneira, especialmente no eido do ensino, para que non se impida o seu uso en determinadas materias ou non se reduzan as horas do galego como lingua vehicular de materias diferentes á lingua e literatura galegas.
En Pontevedra participaron 1.354 rapaces, procedentes de vinte centros de ensino de infantil, primaria, secundaria e ciclos formativos do concello e da comarca que desde as 10.30 horas xogaron na praza da Ferraría cos músicos e o dragón cuspe-auga do grupo de animación Art Monium.
A media mañá foron saíndo os diferentes grupos para participar nas tres carreiras que percorreron o centro da cidade. Ao mediodía coa chegada dos participantes á praza da Ferraría, o regueifeiro e zanfonista Luís o Caruncho, conduciu un acto no que se deu lectua a un manifesto, repartíronse agasallos, soltáronse globos e actuou Biribirloque, un dos grupos gañadores do concurso Cantalingua.