No banco dos acusados por alterar un parte dun accidente de tráfico para cobrar unha indemnización
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 23 de maio un pontevedrés por presuntamente alterar un parte dun accidente de tráfico para poder cobrar unha indemnización por parte dunha compañía aseguradora.
O acusado, P.A.G., enfróntase a unha pena dun ano e sete meses de prisión e once meses de multa a razón de seis euros diarios como autor dun delito de falsidade en documento mercantil en concurso cun delito de estafa procesual en grao de tentativa.
O fiscal sostén que o acusado denunciou á compañía aseguradora Generalli e a outro individuo ante o Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Pontevedra por un accidente de tráfico ocorrido o 30 de decembro de 2013 co fin de obter unha sentenza ao seu favor que lle concedese unha indemnización de 12.084, 62 euros e o diñeiro derivado dunha enfermidade de ósos que en realidade xa era anterior e non consecuencia do accidente.
Na súa demanda, achegaba a copia da declaración amigable de accidente, pero engadíralle dúas cruces nas casas 10 e 13, correspondentes a "cambiaba de carril" e a "viraba á esquerda".
O xulgado ditou sentenza en abril de 2016 e absolveu á compañía aseguradora e ao outro individuo co que tivo o accidente e, a maiores, acordou deducir testemuño do parte do accidente por considerar que fora alterado. Tras esa resolución xudicial, o caso chegou a xuízo.