Un incendio nun piso causa gran alarma en Santa Clara de madrugada
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que intervir na madrugada deste domingo ante a alarma por un incendio rexistrado nun piso da rúa Santa Clara que está en reformas e, por causas que se descoñecen, foi a orixe dun lume.
Segundo informaron os bombeiros, o aviso produciuse apenas uns minutos despois da unha da madrugada do sábado ao domingo. O lume orixinouse nun quinto piso do número 3 da rúa Santa Clara e tivo escasas consecuencias, pero causou gran alarma nas inmediacións. Ademais, foi necesario desaloxar por precaución a vivenda situada na mesma planta para evitar que os seus habitantes inhalaran fume.
O lume causou unha gran cantidade de fume que alarmou a veciños e transeúntes a unha hora á que a rúa Santa Clara adoita estar moi tranquila. Ademais, a presenza de dúas dotacións do corpo de Bombeiros axudou a aumentar o balbordo entre os veciños, que se concentraron nos arredores para saber que pasaba.
Segundo indicou a Policía Local de Pontevedra, no domicilio non se atopaba ninguén, polo que, ao saír fume pola porta de entrada, optouse por entrar. Nese momento policías e bombeiros comprobaron que o incendio se iniciara no salón nun cubo con restos de parqué.
Aínda queda por concretar, pero a causa probable é que algunha das madeiras tivese unha parte queimada, posiblemente co rozamento da maquinaria, e que se avivase o lume. Non hudo máis danos que parte do chan onde se atopaba o cubo, pois a rápida intervención evitou que o lume se propagase.