Interceptan dous menores en bicicleta pola autovía de Marín, en sentido contrario e sen casco
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra interceptou dous menores que ían en bicicleta pola autovía de Marín na tarde deste sábado sen o correspondente casco protector e en sentido contrario ao establecido. Incorreron, polo tanto, en varias infraccións por circular por unha vía prohibida para ciclistas, facelo en sentido contrario e, ademais, non levar casco.
Trátase de dous mozos de 16 e 17 anos aos que os axentes tiveron que escoltar para abandonar a autovía sen causar perigos e aos que xa denunciaron pola vía administrativa pola súa conducta. Ao ser menores de idade, a Policía Local alertou aos seus pais do ocorrido.
Segundo informou a Policía Local, sobre as 20.40 horas deste sábado recibiron a alerta de varios conductores que indicaban que había dous cicistas circulando en dirección a Pontevedra pola autovía de Marín, pero polo carril que vai en sentido a Marín.
Unha patrulla da Policía Local desprazouse ata o lugar indicado e logrou interceptalos á altura da fábrica de Ence. O primeiro que fixeron os axentes foi escoltar os dous menores a un punto fóra da autovía.
A raiz deste incidente, a Policía Local de Pontevedra aproveita para lembrar que está prohibido circular pola autovía en bicicleta e que o uso de casco é obrigatorio para todos os ciclistas en vías interurbanas.