Denuncian os responsables de dúas tenreiras localizadas soltas dun lado a outra da estrada en Alba
Por Redacción
A presenza de dúas tenreiras que estaban soltas correndo dun lado a outro da estrada en San Caetano de Alba obrigou o domingo á Garda Civil a regular o tráfico para evitar que se producise algún accidente e terminou cunha denuncia administrativa aos responsables de xerar a situación de perigo.
A denuncia formulouse contra os propietarios das dúas tenreiras e o concepto, "deixar animais sen custodiar na vía ou as súas inmediacións, existindo a posibilidade de que aqueles poidan invadir a estrada", segundo informou a Garda Civil.
Efectivos do destacamento de Tráfico de Pontevedra tiveron que intervir sobre as 12.20 horas ante a chamada dun cidadán que alertaba de que había dúas tenreiras que estaban a xerar situacións de risco na estrada PO-225 ao seu paso por San Caetano.
Tras recibirse a chamada na Central Operativa de Tráfico, unha patrulla dirixiuse ao lugar e tivo que cortar a circulación para dar seguridade ás dúas persoas que se atopaban nese momento tentando retirar o gando da calzada.
Finalmente, as dúas tenreiras puideron ser evacuadas sen ningún tipo de incidente, pero, unha vez restablecida a circulación rodada, os axentes de Tráfico formularon a citada denuncia administrativa contra os seus propietarios.